Nesta nova obra, Xosé Díaz Díaz preséntanos seis relatos, algúns deles premiados, nos que aparece a traxedia, o desexo, a violencia, o desconsolo..., pero tamén a esperanza nun intre no que os protagonistas poden darlle a volta á vida e vela cunha nova luz.
Velaquí tedes un fragmento do último dos relatos, titulado O ollo alleo:
"A paisaxe é marciana, pois está sementada de pedras e area, só que estas nosas máis amarelas, da cor do pan. É para min estraño, xa que aquí a terra bebe regadío de sangue, de cada día varias persoas, veciños, parentes, abren sangue e eslúense no noso chan en miles de pingas; e velaí por que non agroma nin é fértil nin ben dado ao cultivo, de tan enchoupado de quina, de tan coma feluxe ás veces. Hai unha semana foi Namir, a miña irmá grande, quen se entregou; preparouse toda ela moi ben aquelada para levar adiante, dixéramo. Guiei o noso coche deica aló e deixeina onde ordenou: onda a porta de Damas. A nosa nai sóuboo despois, que eu lle vin coa nova mesmo antes de que saíse unha reportaxe na televisión israelí, que sintonizamos dende acó e que é a única que podemos ver..."
Ningún comentario:
Publicar un comentario