2011/05/27

Despedindo Papalibros con El Arte de volar

Un bo remate para as nosas reunións do club de lectura foi este xantar frugal á sombra dunha arbore no xardinciño do noso IES de Melide falando dun libro estupendo: El Arte de volar, novela gráfica con guión de A. Altarribia e debuxos de Kim, editado en Edicións de Ponent.
El Arte de volar cóntanos a historia do pai do guionista, Antonio Altarriba López, un home de orixe humilde que viviu casi todo o século XX nunha España marcada pola Guerra Civil. Esta é unha historia de perdedores, como a de moitos españois que sin terra e sin traballo vislumbraron na II República unha esperanza pola que loitar. Antonio Altarriba tentou voar toda a súa vida, pero só o conseguiu cando se tirou da cuarta planta dun xeriátrico aos noventa anos. A partir deste feito imos reconstruíndo a súa vida da man do seu fillo, seguindo a traxectoria da caída: 3ª planta, 2ª planta... ata chegar ao chan.
Ademais de ser unha espléndida crónica da historia española do s. XX, o libro ven sendo unha radiografía social narrada con exquistez e sutileza en viñetas como aquelas que nos describen a pobreza e mesquindade da vida rural no pobo de Peñaflor, en Aragón, a principios de século, o desalentador exilio en Francia, a miseria moral do franquismo...
O impecable guión de Altarriba está ilustrado cos debuxos de Kim (Joaquim Aubert i Puig-Arnau), coñecido debuxante del El Jueves con series como "Martínez, el Facha" ou personaxes coma Makoki. Nesta obra Kim desenvolve todas as súas posiblidades gráficas, moito maís alá das súas anteriores series plasmando todo tipo de sentimentos, pero sobre a mediocridade dominante na sociedade española. Son impresionates as viñetas que describen escenas oníricas como a da aguia imperial que arrinca os ollos de Antonio ou os animais e alimañas que o visitan e carcomen ao final da súa vida.
Pero El Arte de volar é un libro imprescindible porque é moito máis que unha historia da Guerra Civil ou do s. XX español. É unha historia dolorosa dun fillo que se encarna nun pai para poder asimilar mellor o seu sufrimento e asumir así a súa perda: "Yo sí se como lo hizo (o suicidio)...soy el único que puede saber como lo hizo, porque, aunque no estaba allí, estaba en él... Siempre he estado en él porque un padre está hecho de sus hijos posibles y yo soy el único hijo que le fue posible a mi padre".

Ningún comentario: