Blankets é o último título que acabamos de ler os Papalibros. Trátase dunha novela gráfica con guión e debuxo de Craig Thompson, publicado en Astiberri no 2004. É unha historia autobiográfica onde o autor revive a súa infancia e adolescencia nun pobo do estado de Wisconsin (USA). No relato das súas experiencias persoais o protagonista descúbrenos un pai autoritario pertencente á igrexa evanxelista, a relación co seu irmán menor, a presenza constante e opresiva da relixión, o sentimento de marxinación e aillamento na escola..., pero sobre todo o primeiro amor con Rania, que marca un antes e un despois na súa maduración persoal. Seguimos a súa evolución nun interesante xogo temporal, onde Craig vai tirando do fío do pasado a medida que vai sendo capaz de asimilalo.
O debuxo de Thompson, entre o realismo e o onírico, contribúe en gran medida a que o producto final sexa unha obra de gran beleza cun marcado ton intimista. Outro elemento narrativo importante son variedade de recursos usados nas viñetas: os diferentes trazos dos marcos (groso e pouco definido para os malos recordos, falta de marco no que quere resaltar...), o tratamento dos diferentes planos, os bocadillos dentro de bocadillos...
Despois de ler a obra podemos sacar algunha conclusión sobre a ambigüidade do título. "Blankets" significa manto, cobertor; que pode referise tanto ao manto de neve omnipresente que tapa todas as imperfeccións, como ao cobertor confecccionado por Rania, único recordo que conserva dela o protagonista.
A lectura desta novela gráfica enganchou a moitos Papalibros e abriu as portas do mundo do cómic a algún reticente que aínda quedaba. Compartimos varias comidas na aula 106 comentando os debuxos de Craig, a súa vida, os seus problemas... e moitas veces acabamos falando da nosa propia infancia ou adolescencia, en moitos casos non tan diferente da do protagonista. O libro deunos pé para falar de relixión, acoso, discapacitados...e ata de Platón e outras referencias clásicas presentes no libro.
1 comentario:
O libro Resistencia,é unha novela narrativa moi entretida.O certo e queme gustou moito,meteste na historia dende o principio,é o final é unha das cousas que máis me sorprendeu,non esperaba que acabase así.Recomendaríallo a todo o mundo que lle gustasen as historias de amor e comedía.
Publicar un comentario