2012/03/30

Arrugas

Como premio á participación no xogo de pistas sobre novela negra organizado pola bilbioteca, un grupo de rapazas e rapaces do IES de Melide acudiron a Santiago a ver Arrugas, a película baseada no cómic do mesmo nome, de Paco Roca. Nela o autor aborda o tema da vellez e do alzheimer contándonos a historia de Emilio, o protagonista que reúne estas dúas condicións e que é ingresado pola súa familia nun xeriátrico. Emilio será axudado polo seu grupo de amigos, e de xeito especial por Miguel, para non ser trasladado á planta dos "asistidos". Discurre ante nós o día a día dun centro de maiores, desplegando unha rica galería de personaxes que amosan os seus medos, as súas emocións, as súas debilidades... nunha mestura xenial de comicidade e tenrura
Ao final todos quedamos cun regusto amargo e tristeiro, sobre todo cando vimos a dedicatoria na pantalla "Aos vellos de hoxe, aos vellos de mañá..." Pero ao mesmo tempo a película transmitiunos unha mensaxe esperanzadora e solidaria: o amor é o que da sentido á nosa vida en calquera circunstancia.
Esta película recibiu dous premios Goya este ano: ao mellor guión adaptado e á mellor película de animación. O cómic recibiu o Premio Nacional de cómic en 2007 e foi recentemente traducido ao galego co título Engurras

Ningún comentario: