2017/10/02

INAUGURANDO CURSO CON MANUEL GAGO

A semana pasada o Club de lectura Papalibros retomou a súa actividade cun convidado de luxo, Manuel Gago, que acudiu a Melide a compartir con nós impresións sobre a súa última novela, O anxo negro, obra que afortunadante escollemos no club de adultos como lectura de verán.
A acción transcorre na Galicia dos anos 80. Os habitantes dunha aldea da Costa da Morte acoden a Nicolás Bren, un capitán retirado de Corcubión, para que lles axude a recuperar a imaxe dunha santa moi venerada e querida que lles foi roubada na igrexa parroquial. O capitán, coa axuda de Andreu, un barman bo coñecedor do medio, irá destapando unha trama corrupta, na que a Igrexa ten un importante papel, ao tempo que descobre a importancia dunha talla vinculada a momentos decisivos da nosa Historia e da Historia europea.
O anxo negro é, polo tanto, ademais dunha novela negra, unha novela que, sen poder clasificarse como novela histórica, transita pola historia do noso país e se compromete coa nosa identidade. Xunto a personaxes reais como Pedro Froilaz, don Juan de Austria ou a mesma raíña de Escocia María Estuardo, desfilan outros ficticios como Diego de Carnota, un engaiolante nobre de espíritu renacentista inspirado en Diego Sarmiento de Acuña e/ou no conde de Gondomar. Sucédense tamén distintos escenarios e tempos como a Galicia de Xelmírez, a España de Carlos I e as guerras de relixión europeas, a Inglaterra isabelina ou a represión fascista na Galicia da Guerra Civil e posguerra. A estes elementos históricos, éngadense os humanos, os que dan vida e forza literaria ao relato: as tres Marías, mamá Sula, a gran matriarca, Andreu, o fillo de inmigrantes que loita por facerse un sitio na comunidade ou, como non, o maquiavélico don Servando. Con todos estes fíos Gago tece unha historia perfecta e fluída que consegue atraparnos e tamén emocionarnos.
Pero se a lectura foi unha aventura apaixoante non o foi menos a xornada compartida con Manuel na que, ademais de comentar polo miúdo moitos aspectos da novela, compartiu con nós o seu saber sobre patrimonio e etnografía e vivencias persoais neste campo, que poderían ser perfectamente o argumento dunha nova novela. A súa excelente capacidade comunicadora fixo que o tempo voase e que, tras case tres horas de sesión, se nos fixese pouco. Agardamos con impaciencia unha próxima entrega e poder disfrutar de novo da súa compañía.

Ningún comentario: