2009/05/24

Lectores


Chámome Laura Río Carreira, teño 16 anos e vivo en Moldes, unha aldea próxima a Melide. A verdade é que non sei qué contarvos, xa que non se me da ben escribir. A miña intención principal é que me coñezades un chisquiño e, porque animarvos a que vos iniciedes no mundo da lectura.

En primeiro lugar, quérovos dicir que aínda que teño moitos amigos/as, ás veces síntome un pouco soa e por iso me somerxo na lectura, ademais, ó vivir nunha aldea case non teño que facer, quitando os días que teño exames e, lendo, distraiome. Encántanme os libros de aventuras policiais, a verdade é que son os meus preferidos, aínda que non me pecho a coñecer outros estilos, por exemplo, este ano tiven a sorte de ler Sir Gawain y el Caballero Verde, unha das novelas vencelladas á Materia de Bretaña. Este libro resultoume moi interesante, porque nel coñecín a maneira de vivir daquela época, sen ter que recorrer ós libros de historia, que para min son aburridísimos.

Na miña familia non hai claros exemplos de grandes lectores, a non ser a miña avoa, que atopa na lectura unha maneira de pasar as horas á marxe da televisión. Miña nai tamén influiu un chisco no meu gusto pola lectura, xa que dende pequena me traía libros da biblioteca. Aínda me lembro das veces e veces que lin Caperucita ou Blancanieves y los siete enanitos, contos clásicos que me marcaron e que aínda hoxe fan soñar ós máis pequenos.

Por outra parte, outra das moitas razóns polas que comecei a ler foi porque quería descubrir o que se agochaba detrás de tantas follas, e o resultado paga a pena, pois un atópase con certas historias que realmente conmoven, ata o punto de emocionar, como é o caso de O neno do pixama de raias, un libro cheo de intriga e misterio, que nos achega a un periodo escuro da historia europea.

Por suposto, teño que confesar que non todos os libros que tiven que ler me gustaron, pero aínda así sempre os acabei de ler, excepto El Quijote, un libro que comecei, pero que me vin incapaz de rematar, pois non me apetecía lelo nese momento, pero sei que algún día o lerei enteiro, pero cando medre un chisquiño máis.

Laura (1ºBAC A)

2 comentarios:

Cristina dixo...

Laura, a proba de que non é certo que non se che da ben escribir é este post. Que retrato máis bonito! A foto que che escollín corresponde á gran librería Ateneo de Bos Aires, un deses lugares fascinantes cheo de mundos e historias para todo tipo de lectores.

Susana Losada dixo...

Tan pronto lin o post, decidín facer un comentario correndo, pero Cristina se me adiantou co que quería dicir. Creo que aquí hai unha pequena escritora en potencia, ou polo menos unha boa contadora de historias. A túa idade pasoume o mesmo con El Quijote, pero cando o volvín a coller con 20 anos enacatoume. Cada libro ten o seu momento, non hai que forzar,pois sobran libros para ler.