2015/11/14

EL LECTOR, DE B. SCHLINK

As Papalibros xuvenís comezaron este curso con El lector, novela de B. Schlink. A novela de amor do principio, narra a relación amorosa dun adolescente cunha muller madura, vaise convertindo na segunda e terceira parte nunha revisión do pasado recente de Alemania e unha reflexión sobre a culpabilidade. Schlink, nado en 1944, pertence a esa xeración de escritoras e escritores alemáns revisionistas do pasado nazi do seu país que está en conflicto coa súa identidade cultural. O revisionismo é un motivo constante na narrativa de Schlink e especialemnte nesta obra, que parece ser parcialmente autobiográfica.
Pero esta é tamén unha novela sobre literatura e libros. Unha parte importante do ritual amoroso é a lectura que Michael Berg, o protagonista, fai a Hanna, a súa amante, cada vez que están xuntos. Hanna vai aprendendo a apreciar grandes clásicos como Homero, Goethe, Stendhal, Schiller, T. Mann, Lessing... que lle le Michael, o lector, e déixase seducir por eles. 
A relación entre Michael e Hanna, aínda que desigual, dominante e difícil por momentos, é plena e acelera no adolescente o tránsito á idade adulta. Pero quen é realmente Hanna? que sabe Michael do seu pasado? A resposta está na segunda parte, na que os antigos amantes se reencontrarán anos máis tarde, nun contexto totalmente distinto, e Michal, incipiente avogado, descubrirá o seu pasado nazi e algunha circunstancia lle fará entender a súa brusca desaparición. É aquí cando comeza a reflexión sobre a culpabilidade de Hanna, e por extensión do pobo alemán, que obedecía ordes sen cuestionarse unha autoridade que impelía a cometer atrocidades. Pero non só se cuestiona a culpabilidade dos colaboradores directos como Hanna, senón tamén dos espectadores paralizados polo medo, como o propio Michael, espectador mudo nun xuízo no que podería intervir, aportando datos que exculpasen a Hanna.
Aparécesenos entón esta relación amorosa entre unha dominante muller seductora e un inmaduro adolescente como uha metáfora do pasado de Alemania, onde un engaiolante III Reich seduciu a todo un pobo que non tivo a madurez necesaria para ver esa outra cara oculta da lúa, ao igual que Michael con Hanna ata moito máis tarde. A secuela da relación non deixa lugar a dúbidas, non pode volver querer a esa muller, en certo modo ata renega dela, pero tampouco será capaz de volver a amar con esa paixón da adolescencia, en certo modo se consume, queda incapacitado para o amor pleno.

Ningún comentario:

Publicar un comentario