O xoves 16 de marzo, nun horario inhabitual para @s Papalibros adult@s, tivemos a sorte de contar coa presenza de Xabier Quiroga para falarnos da súa última novela, Izan o da saca, que acaba de recibir o premio San Clemente. A reunión, como si é habitual, tivo lugar na nosa biblioteca Xaquín Yebra, recén "reinaugurada" tras as obras que a convertiron nun lugar luminoso, diáfano e moi agradable, a "sala bip" do instituto como din algúns usuari@s.
Izan o da saca é unha novela cun estraño título que podería considerarse un thriller, novela negra ou mesmo novela histórica. O Reina, un taxista da Ribeira Sacra afeccionado á investigación policíaca e auténtico papalibros, acepta a encomenda dun alto cargo político galego que quere esclarecer unha posible conexión nazi no seu pasado familiar na máis estricta discreción e confidencialidade, como a súa posición así o esixe. O Reina comezará unha investigación que o levará a descubrir unha serie de testemuñas que documentan a presencia nazi en Galicia, que formaba parte da misteriosa "Ruta das Ratas", pola que moitos nazis fuxiron a América do Sur.
Coa a habilidade que xa percibimos noutras obras, Quiroga consegue un relato trepidante mesturando distintas voces narrativas combinadas con precisión. Personaxes emotivos como Lelia, o Barrabás, o Graciano, outros non tan emotivos pero moi moi auténticos como D. Manuel Varela e outros máis poéticos como a pobre Loliña da postguerra cohabitan con personaxes reais como Xan de Forcados, Guillermo de Cloos ou Walter Kutschmann facendo que o lector se implique tamén nunha investigación persoal do pasado.
Na nosa sesión Xabier explicounos detidamente a xestación do libro e a súa minuciosa documentación e investigación, aportándonos manuscritos, fotografías e detalles que nos facían imaxinalo tal cal o Reiniña nos pasadizos de Samos. Unha xornada emocionante grazas a accesibilidade, a calidez e o agarimo co que nos agasallou Xabier Quiroga.
Na nosa sesión Xabier explicounos detidamente a xestación do libro e a súa minuciosa documentación e investigación, aportándonos manuscritos, fotografías e detalles que nos facían imaxinalo tal cal o Reiniña nos pasadizos de Samos. Unha xornada emocionante grazas a accesibilidade, a calidez e o agarimo co que nos agasallou Xabier Quiroga.