2016/02/24

CABALOS E LOBOS CON FRAN P. LORENZO

A semana pasada as Papalibros do club de adultas tivemos a sorte de poder compartir a nosa xuntanza de febreiro con Fran P. Lorenzo, autor de Cabalos e Lobos, unha magnífica novela difícil de encadrar nunha soa temática.  
Cabalos e Lobos é inicialmente unha historia de busca persoal. Paula, unha muller que acaba de entrar na cincuentena e que pertence a unha influínte familia viguesa con raíces alemáns, agarda un diagnóstico dunha posible enfermidade grave. Nesta angustiosa espera, que marca un punto de inflexión na súa vida, comeza a mirar de fronte á morte e necesita atopar respostas aos silencios impostos e puntos escuros que rixen as súas relacións familiares para deixar un legado ao seu fillo Thomas.
Nesta primeira parte, Paula asume a voz narrativa en primeira persoa. Esta busca persoal convértese nunha saga familiar, a historia dos Beckman, unha familia alemá que chega a Vigo nos anos 20 do século pasado. Na primeira parte Paula vai cosendo recordos e reconstruíndo escenarios a partir de vellas fotografías. Na segunda parte, Álvaro, o tío de Paula, desvelará os puntos escuros do pasado familiar, que é indisociable da historia do pobo alemán no século XX.

Cabalos e Lobos é tamén unha novela histórica que transita entre dúas cidades, Lübeck e Vigo, e percorre o terceiro Reicht, as mobilizacións obreiras da II república, a Guerra Civil Española, a II Guerra Mundial, o Holocasuto, a represión franquista...É unha novela que reivindica a necesidade de mirar atrás, dando unha volta ao castigo bíblico da muller de Lot, que queda convertida en estatua de sal ao contemplar a destrución de Sodoma e Gomorra, ou ao mito de Orfeo, que perde á súa amada Eurídice por voltar a vista.
Pero entre os segredos familiares, ademais das sinistras filiacións políticas, agóchase tamén amores prohibidos, o amor por Bruno ao que Álvaro terá que renunciar, convertíndose en certo modo nunha sombra. É esta tamén unha historia de denuncia, que dá voz a todas as aquelas persoas que non puideron disfrutar do mellor do ser humano, o amor, porque a súa escolla non estaba dentro dos cánones establecidos
Cabalos e Lobos é clasificación que fai Álvaro das persoas, os lobos son aqueles que necesitan depredar para sobreviviren, mentres que os cabalos, como no xadrez, son capaces de saltar con elegancia e beleza, sen ter que danar a ninguén. Ao longo das catro xeracións de Beckman, os lobos van dando lugar aos cabalos e Thomas, o herdeiro, será libre e nobre coma un cabalo grazas, en parte, ao legado da súa nai e ao sacrificio dos seus tíos.

A compaña e a xenerosidade de Fran P. Lorenzo permitiunos coñecer de primeira man o proceso creativo, os seus vínculos familiares e persoais coa cidade de Vigo, escenario e tamén personaxe que observa a acción dende o cumio do emblemático edificio de Gran Vía nº 2. Durante as máis de dúas horas nas que Fran compartiu con nós todo ese microcosmos que xerou esta marabillosa ficción, descubrimos, ademais do escritor, a unha persoa engaiolante. Desexamos sinceramente volver compartir con el outra das súas creacións en non moito tempo.

1 comentario:

  1. Para min foi a que compartín convosco foi unha xornada ben especial. Acabo de descubrir esta entrada e só podo agradecervos o acollemento, as reflexións, todo o que me fixestes pensar na novela e no proceso creativo ao seu redor. Ogallá poidamos coincidir de novo. Bicos e apertas!

    ResponderEliminar