2015/12/14

"ZAPATILLAS ROTAS" CON XABIER QUIROGA

O pasado mércores 9 de decembro tivemos a sorte de contar coa presenza de Xabier Quiroga na nosa xuntanza de Papalibros adultas. Aínda que vén de presentar a súa última obra, Inzan o da saca, nós convidámolo para falar de Zapatillas Rotas, a súa anterior publicación.
Zapatíllas rotas é unha novela construída arredor dun velliño que un día desaparece dunha residencia de anciáns convidado (ou raptado) por un "home", un antigo veciño que necesita respostas. Este home, un parado que non ten presa, monta ao ancián no seu vello automóbil  coa intención de ver o mar, e xuntos emprenden unha viaxe ao pasado, na que a fráxil memoria do vello é o fío condutor do que vai tirando o home para entender a súa historia familiar.
Paralelamente vaise montando un dispositivo para atopar ao vello, que vai transformando a desaparición nun rapto e a acadará unhas dimensións descontroladas.  Coidadoras, asistentas sociais, gardas civís, policías, directores xerais da Xunta, secretarias-amantes de directores xerais, esposas enganadas, fillas consentidas e ata un tirador de élite coprotagonizan outros episodios que a modo de contrapunto se van interpolando na historia. Esta rica galería de personaxes serve de escusa para denunciar a situación dos maiores cunha lei dependencia abortada, a ineficacia e hipocrisía de moitos altos cargos, a violencia machista, o desequilibrio dalgunha xente que ten acceso ás armas, a situación do idioma, a falta de compromiso e fe no traballo... Fronte este panorama devastador, só se salvan xentes sinxelas que cren no seu traballo como unha asistente social que se implica ou un garda civil con moito sentido común que, lamentablemente, deben obedecer a superiores incompetentes.
Con todos estes elementos vaise tecendo unha historia áxil que mantén a tensión até o final, momento no que se alcanza un clímax cinematográfico, onde vemos a última escena dende distintos planos e case sentimos o pelo revolto polas aspas dos helicópteros.
Pero máis que unha road moovie ou un thriller, Zapatillas é unha novela de amor, un amor que a inxustiza, a desigualdade e o abuso dos que gañaron a Guerra Civil fan imposible. É tamén unha historia das raigames que se perden, dun mundo que se esboroa coma a memoria do señor Xaquín.
A presenza de Xabier Quiroga permitiunos falar de todos estes aspectos e, ademais, do proceso creativo da obra. Así descubriunos a historia de amor real que se agocha na novela, a do autor coa súa avoa Xosefa, a dedicataria do libro. Todo un pracer despois do gran pracer que xa supuxo ler Zapatillas rotas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario